A cultura castrexa durou desde finais da Idade de Bronce, século IX ou VIII antes da nosa era, ata o século I da actual. Estrabón afirmaba: “as mulleres traballan a terra, posúena e hérdana, mentres que os homes se adican á guerra e á pillaxe”, pero loitan xunta estes ou na súa ausencia para defender os castros. Os traballos das mulleres no mar son invisibles, pero todo indica que participarían nas actividades de pesca, marisqueo, así como na conserva dos alimentos, mediante secado e salga, e na súa preparación.

Na Galicia romana todos os textos gavan a laboriosidade das mulleres e salientan a “inactividade” dos homes agás para a guerra e a pillaxe ou rapina. Os traballos do mar das mulleres seguen a ser invisibles.

 

Para saber máis:

Na Idade Media xorden as vilas mariñeiras galegas e os gremios de mareantes. As mulleres desempeñaban oficios de lavandeiras, lañadeiras, descargadoras de sal, atadeiras e vendedoras de peixe. Ademais, eran indispensables para a conservación e o transporte do peixe, pois agardaban polos barcos e traballaban arreo para recoller, limpar, contar, envasar, salar o enviar ao secadoiro en tempos mínimos.

Entre os séculos XVI e XVIII sábese das fiandeiras e tecedoras, así como das atadeira ou redeiras, das que se dedican á salga, á carga e descarga do sal e de aparellos, á actividade extractiva e das regateiras. No século XVI constátase, así mesmo, a participación feminina en contratos de constitución de cercos como socias capitalistas.