Foi unha oceanógrafa recoñecida internacionalmente, con excepcionais calidades sociais. En 1972, cando as mulleres eran minoría no mundo científico, incorporouse ao Instituto de Investigacións Pesqueiras, como axudante de laboratorio, e compaxinou este traballo coa formación académica.

O seu interese principal, con gran visión de futuro, referíase aos cambios físico-químicos no mar e a súa repercusión no planeta. A primeira campaña oceanográfica realizouna en 1974, no Cornide de Saavedra, con outra compañeira e 19 homes. En 1988 dirixiu por primeira vez unha campaña internacional. Participou en 30 máis polo Atlántico e tamén en tres campañas transoceánicas internacionais, no programa World Ocean Circulation Experiment, 1992-2000, contribuíndo á primeira avaliación global dos niveis de CO2 antropoxénico.

Desenvolveu tres proxectos europeos ata 2014, no marco do proxecto CARbon IN the Atlantic, incorporando as medidas de CO2, de forma autónoma, en buques comerciais. Dirixiu a campaña FICARAM XV, 2013, para avaliar a acidificación do Atlántico nas dúas últimas décadas.
Galega Destacada, 2001 pola súa carreira científica, foi a primeira muller que dirixiu o IIM-CSIC, 20016-2011. En xuño de 2015 foi nomeada académica da Real Academia Galega de Ciencias, a terceira muller en logralo. Un tráxico atropelo puxo fin a súa vida en 2015.

Texto de Fiz Fernández Pérez