ACHEGAS DAS MULLERES

Á SUSTENTABILIDADE DO MAR

 

O mar -os océanos- malia a súa importancia vital para este planeta, e en particular para Galicia, é invisible para a maioría da poboación e tamén para os currículos educativos: a respiración, a contaminación, a fotosíntese, as plantas, os animais, a vida… son cousas unicamente de terra firme ou como moito da atmosfera. Neste contexto, cal podía ser a sorte das mulleres do mar? A da súa invisibilidade por duplicado, como mulleres e como traballadoras dun medio tamén invisible!

O proxecto que se presenta, Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, ocúpase de recuperar a memoria de mulleres dedicadas aos oficios do mar, no pasado, e de darlle voz a aquelas que os desempeñan na actualidade. Non falta nel unha representación de investigadoras en ciencias mariñas, en educación para a sustentabilidade oceánica e de artífices da pervivencia desa memoria en museos e asociacións.

O presente proxecto consta dunha exposición fotográfica dos oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade e, ademais, nunha web accesible aborda diversos aspectos da historia destes oficios, integra as Xornadas sobre Bo Uso e Mal Uso do Mar -celebradas desde o 2014- e reproduce oito entrevistas gravadas en vídeo, testemuñas vivas de mulleres pertencentes a distintos eidos relacionados co mar e a súa sustentabilidade

Quixemos indagar na súa experiencia persoal e profesional, nas súas vivencias, nos seus sentimentos, nas súas expectativas de futuro. O resultado superou as nosas hipóteses iniciais e deu pé para a continuidade da investigación; é máis, pode chegar a constituír un programa interdisciplinario de investigación innovador que abrangue diferentes ámbitos, desde as ciencias do mar e as ameazas para a sustentablidade dos océanos, derivadas do Cambio Ambiental Global, ata a educación. O proxecto ten vocación de continuar a colaboración con institucións coma a propia Universidade de Vigo (Campus do Mar e Unidade de Igualdade), a Deputación de Pontevedra e o Consello da Cultura Galega, así como a posibilidade de abrirse a empresas, fundacións, asociacións e concellos.

Mais, o feito de que as mulleres das vilas mariñeiras galegas participaran desde sempre nos procesos de explotación e produción dos recursos mariños, co correspondente acceso ao mundo público, proporcionoulles un nivel de autoestima salientable, que se reflicte na súa actitude vital, en tomar a dianteira no movemento asociativo e no orgullo polo seu traballo, inda que este se realice en condicións ben duras.

 

Mari Álvarez Lires

Directora académica do proxecto

Así se amosan neste proxecto:

  • Traballadoras da salga e da conserva, redeiras, mariscadoras, regateiras, subasteiras. Nenas e mulleres invisibles e invisibilizadas, cuxo traballo foi e segue a ser fundamental para a sustentabilidade do mar.
  • Mulleres fortes que cargan, descargan e transportan sal, croques, argazo, aparellos, sempre a ter man de fillas e fillos, que coidaban e coidan da casa e da familia. Mulleres que traballan arreo. Quen coñece os seus nomes? Tan invisibles como describe Sefa Abal, unha das entrevistadas, que afirma que a xente non sabe das redeiras e pensa que “os peixes saltan sós ao barco pola borda”.
  • Mulleres orgullosas do seu papel, que non se laian en van, que loitaron e loitan por mellorar as súas condicións de traballo e pola mellora da explotación dos recursos mariños. Que pasaron, como di Rosa Chapela, do invisible ao visible, da loita pola dignidade ao exercicio da soberanía profesional.
  • Mulleres que investigan en ciencias mariñas, unha achega fundamental para mellorar a explotación sustentable dos recursos, hoxe ameazados polo Cambio Ambiental Global, que desenvolven o seu traballo en colaboración con asociación de mulleres do mar.
  • Mulleres que fan investigación e innovación en educación para a sustentabilidade oceánica e con perspectiva de xénero. Un enfoque imprescindible na formación de alumnas e alumnos de todos os niveis educativos, que se van enfrontar, que se enfrontan xa, a retos planetarios inéditos.
  • Mulleres que deseñan e levan á práctica políticas de igualdade, en particular no eido das mulleres do mar.
  • Memoria de mulleres oceanógrafas notables, xa desaparecidas, como Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos, recuperada grazas á familia da primeira e a discípulos de ambas as investigadoras (Alberto González-Garcés e Fiz Fernández, respectivamente).
  • Memoria das traballadoras do mar, recuperada por institucións, por asociacións ou conservada en arquivos particulares.

 

A todas as institucións e particulares que contribuíron xenerosamente

á realización deste proxecto, moitas grazas!